No ano 2001 fomos expulsados da Banda Xuvenil de Torroso por non saber comer os pinchos con educación. Dende entón seguimos sen ter educación pero, de vez en cando, soa algunha melodía que vos fai mover os pes ao son dos ventos e da percusión.
Vinte anos de festa nos que tivemos o pracer de actuar nos festivais e salas máis importantes do País. Aínda nos queda moita zapatilla por dar!
Para celebrar os 20 anos da Turre’s publicamos “Zapatilla”. Un disco con 19 temas no que contamos coa colaboración do histórico Xurxo Souto dos Diplomáticos de Monte Alto, nunha versión única de ‘Oda ó futbolín’, Isaac Palacín aos mandos técnicos da gravación e masterización e Sr. Reny responsable do deseño do disco.
Neste novo traballo recompilamos as nosas mellores versións de grandes temas como ‘La bolsa’ de Bersuit, ‘Violentador de gallinas’ de Dr. Cotomondongo e os seus metais preciosos e o noso inigualable ‘Non me móvalos marcos’, baseado no ‘Killing in the name of’ de Rage Against the Machine.